PLADEVER SOLICITA POR ESCRITO UNHA ENTREVISTA CON AUGAS DE GALICIA, ABEL CABALLERO E OS ALCALDES DOS CONCELLOS QUE SE ABASTECEN DE EIRAS

A Plataforma en Defensa do río Verdugo (PLADEVER) solicitou por escrito a petición de manter unha xuntanza con Augas de Galicia, Abel Caballero e os alcaldes dos concellos que se abastecen do encoro de Eiras co fin de presentarlles individualmente a todos e cada un deles os resultados dun estudio, realizado por un grupo multidisciplinar de expertos relacionado co uso responsable da auga e o ineficaz que resultaría o transvasamento do río Verdugo.

A intención de PLADEVER é segundo manifestou o seu voceiro, Fernando Malvar, “e que poidan escoitar directamente as propostas que desde a sociedade civil podemos achegar para atopar entre todos unha solución satisfactoria aos problemas derivados da seca e que poidan evitar calquera tipo de solución apresurada e que quizais non sexa a máis axeitada”.

Fernando Malvar, que insistiu na necesidade de analizar en profundidade o problema do uso responsable da auga, sinalou que “está acreditado xa suficientemente que xa non é urxente dotar de medidas excepcionais para abastecer a Vigo e aos concellos da contorna e que urxe poñer en marcha políticas de concienciación social e dos representantes públicos para un uso responsable dos recursos hídricos, serios e harmónicos co medio ambiente”.

Malvar defendeu este estudio como “un esforzo colectivo dun grupo interdisciplinar de expertos en diversas materias que pode servir de base para contar cun punto de vista científico que axude a tomar decisións racionais e en beneficio do ben común e do interese xeral dos cidadáns de todos e cada un dos concellos implicados na búsqueda dunha solución satisfactoria que pasa por preserva-lo ecosistema e a biodiversidade da conca dos ríos Verdugo e Oitavén”.

O voceiro de PLADEVER defendeu a vixencia deste estudio como “unha ferramenta válida a ter en conta á hora de tomar decisión polas importantes aportacións que fai desde distintos aspectos: técnicos sociais, económicos e medioambientais acerca das vantaxes que supón unha boa xestión dos recursos hídricos que seguro pode ser un exemplo a extender ao conxunto de Galicia e Estado Español polo seu carácter pioneiro e harmónico co medio ambiente”, indicou Fernando Malvar que agarda poder xuntarse en breve con todos e cada un dos axentes implicados neste problema.